Artículos

Seoane ‘quitamedos’

por Denís Iglesias 7 noviembre, 2016

Ás veces, ser xogador de fútbol non é un traballo agradecido. O reparto dos roles no campo divide en clases ós compañeiros. E xurden as contradicións. O deporte tamén cae preso do efectismo que domina todo na sociedade actual, máis preocupada pola pel da laranxa que polo zume que da o froito. No Tartiere, o Lugo menos vistoso da tempada argallou unha formulación que lle permitiu conservar un punto, reducido á mínima expresión por mor do embate final do Real Oviedo. O éxito parcial veu dado pola insistencia defensiva, esgotada nas tres derrotas coas que o equipo aterrou en Asturias. Non foi un show estético, só un partido de fútbol. 

O único tanto do encontro foi obra de Fernando Seoane, un doce neno de aldea que se converte nun descomunal tractor cando pisa o terreo de xogo. Era un partido idóneo para un futbolista que baila até nunha lameira, como ocorreu co feudo astur. Sen medo a esaxerar, o mediocentro xa é un dos grandes xogadores da historia do club, un recoñecemento que lle ven dado en plena vida futbolística e que renova semana tras semana. Pero o seu papel de destrutor non atrae focos nin piropos…

Ós seus 33 anos, Fernando Seoane -socio ilustre da Peña Lugoslavia, todo sexa dito- atópase en plena madurez futbolística, na que leva instalado, polo menos, dende que retornou ó Lugo en 2012. É o verdadeiro punto de equilibro do equipo, cun traballo defensivo de autor, que o converte ano tras ano no mellor recuperador do conxunto lugués e nun dos máis destacados da categoría. É a áncora sobre a que se soporta un dobre pivote insustituible, Os dous de sempre, no que Carlos Pita pon o toque fino e el o fútbol de choque. Xusto a forma de xogar que o Real Oviedo impuxo, tal e como recoñeceu Luis César en rolda de prensa.

O gol anotado no Tartiere foi o quinto de Seoane nos seus máis de 200 partidos coa camiseta albivermella ó longo de seis tempadas. Cinco pequenas condecoracións que enmarcan un expediente de esforzo. A diana veu, coma o destino, acompañada de certa fortuna ó impactar o seu disparo en Héctor Verdés. Se o de Seoane foi o triunfo do heroe branco, que nunca espera nada a cambio, o tanto preto do final do central do conxunto ovetense foi a vitoria do vilán, que acaba levándose a alguen por diante. O valencián sacou a navalla, coa que malferiu as costas de Pedraza. Aínda así, houbo quen veu nel o dandi do encontro, nunha especie de síndrome que leva a ver no autor dun gol, ou nun xogador duro, un tipo de coraxe e entrega, aínda que o reflexo sexa violento. Xusto o estilo contrario ó de Seoane.

“Ímonos cun sabor agridoce, aínda que sabiamos que eran moi fortes e que calquera rexeitamento podía ir dentro. A mágoa é que o noso esforzo non nos serviu máis que para sacar un punto“, afirmou Seoane logo do partido, nun ton moi alonxado do fútbol subxectivo, tan de moda no xornalismo deportivo, onde as personalidades convulsas, que non complexas, teñen o seu oco preponderante. Máis aló destas esferas, o deporte obxectivo de Seoane e doutros da súa camada, que ven nisto un oficio de equipo onde prima a estabilidade fronte ás pulsións. Con esta actitude, o xogador tamén evita, por si mesmo, converterse nun obxecto.

E, como se denota esta actitude? Cando ves un cartón vermello e saes dándolle á cabeza por deixar ó equipo con dez, con independencia do ditado arbitral. Ou cando logo dunha derrota como visitante, despois dunha pobre imaxe, arrastras as botas cara a bancada para rendir contas cos teus. Un quitamedos para todo, para o seareiro que ve en xente como Seoane alguén a quen non lle sentan ben as cores, alguén que as leva na epiderme. Un axudante de dirección que está co parte de escena na man e que tamén libera de pavor á defensa. Alguén que libera a este deporte de verse coma un simple negocio. Un primeira espada sen o que o Lugo sería, e será coa sua marcha ou retirada, moito menos equipo.

Comparte:

Deja un comentario