Entrevistas

Iván Pérez: “En Lugo vivín a mellor etapa da miña vida”

por Ramón Rivas 24 agosto, 2016

Iván Pérez Maceira (Compostela, 1985) amosa unha amabilidade e cercanía impropias dun futbolista do século XXI. Aquel que debutou en Primeira da man de Lotina o mesmo día que Crisitiano Ronaldo e Kaka’, nun Madrid – Dépor e sustituíndo a Valerón, cando aínda era unha das grandes promesas branquiazuis. Dotado cunha das mellores zurdas de Galicia, sen embargo, nunca tivo a traxectoria que lle correspondía a tan enorme talento, e logo dunha carreira chea de vaivéns emocionais, aterriza en Somozas para reencontrarse co fútbol e consigo mesmo. En Lugo, di, foi onde máis desfrutou deste xogo.

Pregunta: Que se sente ao debutar en Primeira División, nun escenario como o Bernabéu e nun partido con tanta historia?

Resposta: Sentes moita ilusión, porque ves que todo o traballo que fixeche para acadar a túa meta deu resultado. Entrar por Valerón e poder xogar 30 minutos nun campo espectacular e diante de tanta xente, pois que che vou contar. Moita emoción, moito orgullo, e un recordo que estará aí toda a vida.

P: Esa tempada tiveche bastante protagonismo, era algo en certa forma agardado ou colleute por sorpresa?

R: Se che digo a verdade non contaba xogar tantos minutos. Poder desputar 20 encontros e ser un dos cambios principais do adestrador tendo en conta a miña situación e de donde viña, foi algo realmente marabilloso.

P: Un ano despois saes cedido á Ponferradina, e ao final o equipo remata descendendo. Que recordos gardas desa etapa?

R: Gardo o recordo dun moi bo equipo, de que seguramente podíamos aspirar a algo máis que pelexar pola salvación, pero ao final o fútbol é así e tes que vivir estas situacións. A única pena que gardo é a de non poder xogar todo o que me gustaría debido a unha lesión de larga duración como a miña pubalxia. Paseime dende xaneiro indo e vindo dende alí ata A Coruña para recuperarme o mellor posible, pero por desgraza non puiden volver a participar. Aínda así foi unha etapa moi boa nunha gran cidade e un gran clube do que gardo moitos amigos.

O Deportivo comunicoume que non contaba comigo a 10 minutos de que se cerrase o mercado

P: Volves á Coruña, e corríxeme se me equivoco, pero a poucas horas de que se cerre o mercado comunícanche que non contan contigo. Como se vive iso?

R: Corríxote porque non foi a poucas horas, foi cando faltaban 10 minutos. Recórdoo moi ben. Estaba ceando na casa con Seoane, Rochela e a miña muller, e o máis preocupado era Seoane, porque estaba pendente de que ao mellor saía cedido. Eu estaba moi tranquilo, e a falta de 10 minutos chámanme para que vaia urxentemente ás oficinas, porque ou me rescenden o contrato ou me despiden ao día seguinte. O máis duro foi ao día seguinte, cando vou a Abegondo recoller as botas e a despedirme dos meus compañeiros, e doume conta de que o adestrador non sabía nada e ademais contaba comigo. Foi algo que me quedou grabado.

P: Enrólaste nas filas do xa extinto Montañeros, en Segunda B. Non tiñas ofertas máis interesantes nese momento ou primou en ti o feito de seguir na Coruña?

R: A min, cando subín ao primeiro equipo, dixéranme que tiña que ter un representante. Eu nese momento era un rapaz sen experiencia, ofrecéronme o do míster, de Lotina, e fieime deles. Contáronme que non tiña ningunha oferta nin de Segunda nin de Segunda B, así que empecei a adestrar co Montañeros, e logo fixéronme ficha. Persoalmente creo que non fixen un bo ano, non estiven á altura e iso, unido ao que me pasara no Deportivo, fixo que todo fose moi deprimente.

P: De novo un equipo de moito nivel, e sen embargo outro descenso…

R: Aínda que pareza mentira, éramos un dos mellores equipos da categoría, por xogadores, adestrador (Xosé Ramón) e por estilo. O certo foi que xa case descendemos na primeira volta, e logo por pouco non conseguimos salvarnos, facendo unha segunda volta impresionante, pero xa non foi suficiente.

P: Aí aparece o Lugo, como xorde a oportunidade de adestrar con eles?

R: Fun eu o que preguntei por esa posibilidade, porque tiña amigos alí como Carlos Pita, e eu o que buscaba era adestrar a un bo nivel para despois poder buscarme un equipo. Comecei alí, e o certo é que dende o primeiro día estiven moi cómodo e sentinme moi arroupado tanto por Carlos Mouriz como por Quique Setién. Dende o principio deixáronme as cousas moi claras, que eu iba alí soamente a adestrar e que non contaban comigo. Sen embargo, en novembro apareceu a posibilidade de facer ficha, e a min a verdade é que me colleu por sorpresa, non agardaba nada diso. Un día colleume Setién e díxome que fose falar rápido con Carlos Mouriz. Para min foi unha alegría inmensa, sobre todo porque volvía a poder desfrutar do fútbol.

P: Dúas tempadas en Segunda sendo unha das pezas importantes do equipo. As mellores da túa carreira?

R: Sí, por suposto. Foi onde máis desfrutei e onde gardo os mellores recordos. Alí descubrín xente que é moi importante agora mesmo na miña vida, e eu sempre direi que me sinto moi agradecido da oportunidade que me deron de xogar no Lugo, que para min foi vital.

P: Que opinión gardas de Quique Setién e Carlos Mouriz?

R: Que che vou contar… deixáronme un dos mellores recordos que vou ter sempre. Apoiáronme dende o primeiro segundo e fixeron todo o posible para que me volvese a sentir futbolista. Só teño palabras de cariño e agradecemento para eles, son dúas persoas que cando as coñeces son incribles.

Iván Pérez - Marca

P: Como viviche dende lonxe o cambio de diretiva?

R: Pilloume dende a distancia, e resultoume un pouco chocante. Penso que no mundo do fútbol sempre hai cambios, neste caso ao mellor foi demasiado brusco, pero non queda outra que afrontalos.

P: A nivel de vestiario, como era o ambiente?

R: Foi dos mellores vestiarios nos que estiven. Todos nos levábamos ben, e incluso cando as cousas iban mal éramos unha familia. Penso que o segredo de que acadásemos sempre a salvación foi a unión e a humildade do grupo.

P: Un líder e o máis simpático.

R: O noso líder era o noso adestrador, e nós seguíamolo. Sí que é certo que os veteranos, sobre todo Pita, Manu e Seoane, levaban a voz cantante nalgúns momentos, pero en xeral non había ninguén que destacase sobre o resto. A nivel de risas, recordo con especial simpatía a Yoel e Óscar Díaz, ou incluso a Diego Tonetto. Pablo Sánchez tamén era moi gracioso. Xa che digo, todos tíñamos algo que aportar.

Foi duro aceptar que o Lugo non me ofrecese renovar

P: Sen embargo, non che ofrecen a renovación. Como che sentou?

R: Eu agradezo que me chamase Setién. Foime claro, díxome que estaban buscando outros perfís, intentando aspirar a algo máis, e que en principio non me iban ofrecer a renovación. Non vou negalo, para min foi un pao, porque estaba moi cómodo, pero ao final é fútbol, e o único que podo facer é dar as grazas por eses dous anos.

P: Compostela, Grecia, volta a España… cres que o fútbol foi inxusto contigo?

R: Foi o que me tocou vivir. Sempre pensei que coa etapa que fixen en Lugo ao mellor si que me merecía algo máis de regularidade, pero se coñeces este mundo por detrás, sabes que hai que ter certas persoas de man para poder moverse, e eu é algo co que nunca estiven dacordo. Eu prefiro levar os méritos por futbolista que por ter un bo representante. Por iso non me arrepinto, porque sempre preferín ser persoa a ser un número. Pero desgraciadamente, as cousas funcionan dese xeito.

P: Pensache en retirarte nalgún momento?

R: Sí que se me pasou pola cabeza. Especialmente cando rematei no Montañeros e cando saín de Lugo, despois de dúas tempadas xogando tanto, e ver que non encontraba nada. Pero a familia sempre estivo aí para levantarme o ánimo e nunca me rendín.

P: Como aparece o Somozas e que buscas nesta volta a Galicia?

R: Foi todo moi rápido. Dixéronme se aceptaba as súas condicións e díxenlles que si. Acabo de casarme, e busco estar cerca da casa, empezar xa a pensar en posibles saídas máis aló de ser futbolista. Estou desfrutando moitísimo, cun gran adestrador e un grupo moi humano. Ao mellor non temos a economía doutros equipos, pero estamos todos implicados e poñendo o corazón, que en definitiva é o que eu quero.

P: Na parroquia lucense deixache un boísimo recordo. Gustaríame rematar sabendo o que opinas da cidade e das súas xentes e se lle queres mandar algunha mensaxe á afección.

R: Pois que vou dicir… dende o primeiro día sentinme un lucense máis gracias á xente. Á afección soamente lle podo dicir grazas e grazas. A etapa no Lugo levareina sempre moi dentro de min.

Comparte:

Deja un comentario