Actualidad

Luis César: “O mercado é como unha partida de póquer”

por Denís Iglesias 30 julio, 2016
Tiempo de lectura: 2 minutos

Directo, aparentemente sincero e moi natural. Non elude ninguna cuestión, e por iso, cada vez que Luis César da unha conferencia de prensa, merece a pena escoitalo.

Sobre Alfonso Pedraza, a máis recente incorporación da entidade albivermella, sinalou que era “un futbolista de carácter ofensivo, poderosísimo, desequilibrante ao espazo e en ruptura, que ten gol e ten fútbol (en espazo) reducido. Con cousas en común, pero bastante diferente a Adrià Carmona. Está chamado a ser moi importante para nós”.

En canto ao mercado estival, tema que está monopolizando a atención da torcida lucense, o de Vilagarcía mostrouse seguro e satisfeito cos pasos que se están dando e coa frecuencia dos mesmos. Afirmou que “buscamos un dianteiro”, con características diferentes a Joselu e Caballero, aínda que o arxentino “creo que estará recuperado antes das 12 semanas”.

“Esperamos porque hai futbolistas que ata o de agora non están no mercado, pero a partir do 5-6 de agosto terán que rescindir ou buscar novos equipos, sobre todo xogadores de primeira, e queremos ter cartos para cando cheguen eses momentos. Se os gastamos todos agora con présas, logo aparecerán futbolistas moi bos aos que non poderemos optar, e botarémonos as mans á cabeza. Claro que podíamos ter a plantilla cerrada, pero eu o que quero é ter bos xogadores, estamos priorizando fichar ben, queremos mellorar a plantilla e mellorar aos rapaces que se foron. O mercado é como unha partida de póquer, hai que saber aguantar e esperar a túa xogada, non podemos estar todos na primeira man. Queremos aspirar alto, a ver se somos capaces de facelo”.

Kevin Presa e David McGoldrick, prácticamente descartados

O novo adestrador lucense mostrouse contundente á hora de desmentir a chegada ao clube do mediocentro Kevin Presa e do dianteiro irlandés David McGoldrick, que actualmente milita no Ipswich Town. “Non estamos encorsetados ao mercado nacional, pero non imos inventar nada. Se xa é complicado acertar con futbolistas aos que ti coñeces e eles coñecen a liga, aínda máis con outros que veñen de fóra. Esta é unha competición moi esixente”. Ao ser preguntado polo posible interés no centrocampista pontevedrés sentenciou “ningún, non sei nada”.

Por último, case confirmou a ausencia de Mario Barco para o partido fronte ao Boiro, e explicou que a partir deste encontro “esa estructura de que xoguen todos vai desaparecer, teño que empezar a acumular minutos nos xogadores que eu quero que os acumulen, e xa atoparemos futbolistas que disputen 70 ou 90 minutos”. Sobre os xuvenís, “de momento necesito deles, en canto vaian entrando novos reforzos diremos os nomes dos que van saíndo”.

Imagen principal: mundodeportivo.com

Comparte:

1 Comment

Deja un comentario