Artículos

Sacho croata

por Denís Iglesias 4 septiembre, 2015
Tiempo de lectura: 2 minutos

Os tractores volveron á capital estes días. Unha marea motorizada arrodeou a Muralla que hai máis de dous mil anos ergueron os romanos. Viñeron de toda a provincia para reivindicar os seus dereitos, que tamén son os de todos. Nada se podería entender sen o leite e o que o arrodea.

A industria láctea é a máis potente do noso contorno e cada día é saqueada polos intermediarios. Como todo nesta vida, para que enganarnos. Unha parte a ter en conta da afección albivermella vive das contas das cotas e demais lerias marcadas dende Bruxelas. De aí que a pancarta estendida no partido contra o Llagostera no Fondo Norte fora un bonito xesto cara un colectivo moi noso. Por unha vez, e sen que sirva de precedente, houbo unanimidade no seo dos seareiros lucenses.

De todos é sabido que en Lugo hai que sachar. A cita é popular nas bancadas do Anxo Carro. Reflicte á perfección a realidade do club e da cidade. Equipos como o Zaragoza ou Osasuna probaron a lama nun campo con aire de futbolín. O equipo sabe que ten que enzafañarse se quere seguir vivo no fútbol profesional, onde cada vez máis triunfan os equipos traballados. A clase bastaba antes para facer claudicar ós pequenos, que peregrinaban polos grandes campos como miñaxoais. Pero aí temos ó Eibar ou ó Sporting, perfectos exemplos a seguir. O primeiro, un club sen ‘pedigrí’, o segundo, un que o perdeu hai tempo.

Un ‘crack’ checo partíndose o lombo | foto: sport.cz

Este ano o Lugo é unha tropa de currantes. Atrás quedaron xogadores coma Aganzo, señoritos vidos a menos que viñan a botar uns tragos á vila. Ou tipos sen garra coma Tonetto, homes apoucados que se contentaban con cumprir. Desta volta hai mozos con fame para comerse o mundo. Rapaces que viven do menú do día e que non se enchen cun banquete dun día para todo o ano, coma sucedeu con tantos.

Bravo, Banik Ostrava

E se as expectativas se escorregan, o Banik Ostrava checo marcou a liña a seguir. A dirección do club, desencantada co comenzo de liga dos seus (son pechacancelas logo de cinco xornadas nas que sumaron un só punto) fíxolles coller o sacho, o angazo, o pico e a pa. “Van facer traballos manuais até que aprendan a gañar”, sentenciou Petr Šafarčík, presidente da entidade.

Este toca diana cada mañá ás 6:45. Os xogadores preséntase cos apeiros para facer labores de mantemento do campo. “O endurecemento do programa de traballo ten como obxectivo consolidar o espírito do equipo e mobilizar as forzas para poder remontar”, destacou nun comunicado o Banik Ostrava, catro veces campeón da Liga Checa. “Algúns tómano con humor, pero outros quéixanse. O mediocentro brasileiro Dyjan Carlos de Azevedo en canto colleu a serra dixo que tiña dores de brazos”, confesou o adestrador Radomir Korytar. Que cunda o exemplo, porque repito, isto é Lugo e aquí hai que sachar, dun xeito ou outro.

Fotos: os xogadores do Banik facendo o traballo no campo (de verdade).

sport.cz

Comparte:

Deja un comentario